As grandes cidades da Gallaecia e o inventor do sacho. Unha introdución necesaria.
Nesta serie de entradas da SAGA percorreremos, sumariamente, algunhas das cidades que formaban parte do panorama cultural e histórico na prehistoria do noroeste peninsular. Inda que con certas digresións, centraremos a nosa ollada nalgunhas das que foron especialmente preeminentes, aquelas que adoitan denominarse Citanias ou Oppida inda que, máis aló do tópico crono-histórico, o albo destes artigos será un tema clásico e relativamente consensuado na Antropoloxía: a importancia das cuestións sobre O Outro ou Os Outros, neste caso como xeito de coñecer máis e mellor sobre a nosa ollada como sociedade. Será pois, un convite á reflexión autocrítica da percepción que temos de nós mesmos; un portelo aberto cara o camiño de tódolos nosos eidos que, ás veces, so teñen boa vista dende os eidos dos demais.
Porque eses outros, aqueles que moitas veces adoitan ser os mouros, por exemplo, tamén somos nós dende o intre no cal actúan a prol da integración da nosa identidade colectiva e serven para definir en termos culturais os nosos espazos e paisaxes. Por elo, forman parte aceptada do noso panorama e patrimonio cultural; son obxecto de reflexión no tocante ó seu significado diacrónico; propoñen un enigma que entendemos relevante para dar sentido ó noso presente e tamén para marear, antes que navegar, cara ó noso futuro.
A antropoloxía estuda todo aquilo que é antrópico polo feito de selo. Neste sentido aceptaremos agora sermos imputados como seguidores de Clifford Geertz na súa opción pola diversidade cultural. Tamén de Claude Lévi-Strauss, valedor da existencia dunha urde intanxible que terma das manifestacións culturais dunha sociedade en tanto que actos de comunicación, ou da súa censura do etnocentrismo. Como bos galegos, neste periplo estaremos, ademais, do lado de Jack Goody —gran crítico de Lévi-Straus— contra a falacia da dicotomía entre as sociedade de salvaxes ou bárbaras e as civilizadas e superiores.
Suxerimos, pois, reflexionar sobre o urbanismo entendido como a relación entre os espazos e a sociedade. Sobre se a cidade é un marco ou un contedor —algo continxente ou necesario segundo unha formulación mais clásica— e tamén sobre se o urbano implica unha causa e, xa que logo, unha ideoloxía, ou se actúa como factor na categoría de consecuencia.
O urbano adoita opoñerse ó rural como xeito de definición por alteridade. No entorno urbano verifícanse fondas diferenzas de escala, dimorfismo do corpo social e, sobre todo, substitución dunha sorte de “atmosfera de lexitimidade atávica”, que promove a inhibición de certas condutas e o fomento doutras como signo —santo e sinal— de integración, por un sistema de xestión formal que implica, pola súa propia natureza, o xogo dialéctico entre as categorías da representación, intermediación e a lexitimidade.
Os roles sociais no medio urbano responden antes a esquemas baseados na dinámica de presuntas realidades eventualmente accesibles que a da relativa estabilidade das afiliacións colectivas. Nos primeiros, dita estabilidade migra dende unha orde interna ou moral, cara unha externa de características económicas e formais. Dende o xurdimento da forma urbana como expresión do gregarismo humano e en contra do que puidera ter parecido dende os primeiros daquela idea, a mobilidade social xa non será máis un programa de máximos, senón un de mínimos a partir dela. O individuo pertencerá a unha sociedade asimétrica e voluble, non a unha que tende á invariancia fronte ás transformacións, movementos e intercambios.
Encetado aquel camiño, e tal como antes acontecera noutras partes do mundo, a proxección do individuo, o seu status, dependerá de forzas centrípetas que apuntan cara a compartimentos estancos. Despois, andado o camiño, chegarían os estamentos, as asociacións, os gremios, as irmandades…
A persoa, na cidade, non precisará unha firme configuración interna que faga dela un axeitado punto de encontro do cosmos, senón a capacidade para encaixar no oco social no cal representa unha idea, un ítem, unha parte intercambiable funxible e non unha imprescindible.
A economía abandona a categoría do estatus, tan visible durante a idade do bronce, para devir un elemento do mercado na cidade. O sagrado é substituído pola sacralización do profano. Por suposto, todo isto non aconteceu dun día para outro.
Por todo elo consideramos que a visión actualmente imperante do proceso da urbanización responde máis ó esquema dun mito en tanto que relato ideolóxico, —parcial, sectorial— que desenvolveu os seus propios ritos de afirmación e actualización. Un mito que equipara o civilizado coa cidade, un mito no cal esta forma cultural aparece como unha stazione termini da historia humana. Un etnocentrismo en definitiva, segundo o cal fóra do manso, cálido e dondo ventre urbano sempre vai friaxe. O noroeste peninsular non foi unha excepción tampouco neste asunto.
Na segunda metade do primeiro milenio anterior á nosa era e primeiro cuarto desta as comunidades da área optan, en xeral e por si mesmas, pola petrificación e fortificación dentro dos seus espazos vitais comunitarios. Nun contexto mal coñecido hoxe, mudan a súa estratexia de relación co entorno. Algunhas daquelas comunidades desenvolven grandes cidades e todo este contexto recibirá o impacto e a presión do modelo romano que tamén utilizou o urbanismo como ferramenta de control e dominio.
Son aquelas grandes sociedades as que nos ocuparán nesta serie, urbes cuxa existencia tiña causa na súa esencia e características propias. Cidades plenas moito antes do cambio de era e da chegada deses exércitos romanos supostamente creadores de civilización que, como non, sempre viña da man do urbanismo.
De feito, a cidade xurde na historia e en si mesma, como mito.
A primeira cidade, aquela co significado máis senlleiro nos alicerces do noso mundo, seguramente é Uruk, na Mesopotamia. Despois da produción de alimentos, a oleira e o primeiro metal, no cabo do sexto milenio antes da nosa era, hai uns oito mil anos pois, chegou Uruk e o mundo mudou dun xeito xa definitivo. Esta foi a cidade do primeiro heroe literario, Gilgamesh; das descomunais murallas; da escrita como un feito “natural”; a primeira cunha firme vontade de control sobre o seu entorno; houbo outras, mais ela foi a primeira gran cidade cunha estrutura urbanística e funcional plenamente recoñecible dende o paradigma actual. Sectores relixiosos, administrativos e produtivos; a periferia agrícola, as canles fluviais. os barrios, inauguran un modelo que inda dura.
Mais segundo a cosmogonía da tradición teolóxica sumeria, nunha das dúas escolas teolóxicas[1], antes inda de calquera cidade, antes dos deuses como An, o Ceo, Ki, a Terra e Nammu, as augas correntes; antes da vida e mesmo antes dos ríos, existiu a cidade. Era a Cidade de Uru_ul_la, a cidade antiga[2], o espazo organizado, a cidade dos deuses que deu nome mesmo ó devanceiro do deus Enlil, dEn_uru_ul_la ou “O señor da cidade vella”. En_Lil foi un deus supremo. Deus montaña; afouto guerreiro e pródigo no amor. É o deus do fluído aéreo e as súas diversas variantes de intensidade, dende un salouco ó tolo trebón. O seu culto foi especialmente intenso na zona, intensamente urbana, de Nippur, entre Summer e Acad.[3]
Enlin y Ninkharsag (Ninlil) Fonte: http://www.uned.es/geo-1-historia-antigua-universal/MESOPOTAMIA/RELIGION/enlil.gif
En-Lil foi o inventor do sacho xa que, logo de separar o ceo da terra, cumpriulle algo co que sachar na terra así creada. Deste xeito fixou un rego do que xurdiron as persoas.
A idea da cidade, as cidades, xurdiron dende aquela como un produto ideolóxico antes que político ou económico. Esta realidade non mudou moito nos seguintes milenios e seguiu sendo tal no período ó que agora nos referimos. Segundo esta ideoloxía, o equilibrio da sociedade e o Cosmos depende da existencia da cidade, a cal implica un novo marco de relación co numinoso ou calquera outra hierofanía. Polo tanto o control sobre o modelo urbano significou o control sobre o modelo social, ou sexa, sobre a sociedade mesma. A antiga Gallaecia non foi allea a estas forzas en conflito. Ó contrario, participou plenamente nesta loita pola supremacía ideolóxica expresada sempre, como en todo ó que atinxe ó humano, mediante os símbolos e a súa eficacia.
Dela, da ideoloxía e a mente simbólica depende todo o demais. O rico e vizoso territorio Galaico experimentaba coa súa propia xestión do mito urbano e das expresións materiais e doutra caste, chamadas a ser características. O advenimento doutro modelo social fixo derivar os acontecementos cara unha loita entre dúas visións do mundo na que houbo fases quentes e frías. Hoxe aparecen coma hieráticas testemuñas do proceso, ignorancia nosa mediante, as Grandes Cidades da Gallaecia.
[1] Nippur (Eridu foi a outra).
[3]VÁZQUEZ HOYS, A.Mª: Historia de las religiones antiguas. La religión mesopotámica http://www.uned.es/geo-1-historia-antigua-universal/MESOPOTAMIA/RELIGION/EN-LIL.htm
Sociedade Antropolóxica Galega
Segue a Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) nas Redes Sociais.
Blog da Antropoloxia Galega
En Twitter
En Youtube
En Ivoox
En Isuu
Aviso Legal