INSTANTÁNEAS DA PRESENTACIÓN DE METOCAS
De esquerda a dereita: Ramón Laxe (presidente de A.V. Heros do Campo da Pprta, Gonzalo Sancho (presidente de Vaipolorío) e João Bieites (Sociedade Antropolóxica Galega)
A ESTREA DO DOCUMENTAL METOCAS NOS MEDIOS
Diario de Pontevedra. 13/12/2012
Faro de Vigo. 13/12/2012
OS DERRADEIROS METÓUCOS
O furacán do progreso trae forza doce. Hai que ter coidado porque arrasa con todo. Mesmo as palabras, que semellan non ter forma, peso, nin volume, sucumben impotentes. Para cando amaine haberá que ver si quedou algo en pé, ou perdéuse para sempre.
Na Galicia rural había unha estampa pintoresca que adornaba as leiras dende o outono ata a primaveira. Os metóucos. Metóucas según F. Martín Sarmiento, ou metocas como seguen a decir na parroquia de Bértola, en Vilaboa, ou Marín (Elixio Rivas)
Do latín: Meta: montón, en galego meda, específico para este caso. Así aparecen as formas -T- e -D-, que dan orixe a que en Verín ou Samos, por exemplo, aparezan como medoucos, incluso o verbo amedoucar: Facer medoucos.(Cf. Crespo Pozo).
Feixes de canas de millo apiñocados de xeito cónico e atados para que aguantaran as inverneiras. A chuva corría por eles sin chegar a mollalo interior e así duraban ata o verán. A palla do millo, ou canas dábaselle as vacas como alimento complementario. De cando en vez vólvense a ver pola ventaniña do coche na paisaxe campesiña; poucos, cada vez menos, e antes de que nos decatemos, deixaranse de ver.
De nenos, cando o cine do Oeste nos facía velos indios malos e os baqueiros bos, estos metoucos recordábannos as cabanas indias en sinxela armonía coa paisaxe. Sempre nos gustaba que houbera metóucos.
A cana do millo recollido, acubillaba un “ocupa” de avelaiña das familia dos noctuidos, a Sesamia nonagiroides (Lefebvre, 1827). Os pescadores, a lo menos algúns do río Gafos, sabían dela e antes de que se formase a crisálida, abrían as canas coa navalla para facerse coas vermes. As troitas picaban como parvas.
Hoxe en día a restreva do miño desfaise co tractor de cadeas e queda para abono. Non hai que apañala, tampouco case hai vacas, nin carros de vacas. So se ven carros nos museos etnográficos donde descansan palabras que arrinconou o progreso, como: cabezalla, chavella, fueiro, ladrairo, cheda, chedeiro, afueiro, botoalla…., mesmo os metóucos.
Teñamos a confianza de que os estudosos sigan a recompilar a nosa riqueza oral, e sexamos quén de resistirnos a ser invadidos por modas vaidosas na língua, que nada saben do exquisito e preciso trato etimolóxico con que foron creadas cada una das palabras galegas.
Gonzalo Sancho Blanco. (Membro de Vaipolorio)
Documental “METOCAS”
SINOPSE:
Na paisaxe do campo galego había unha estampa pintoresca que o furacán do progreso vai arrasando co paso do tempo. As METOCAS ou metoucos, segundo o lugar ou a feitura con que se facían en cada comarca. Estas medas ou palleiros cónicos da palla de millo tiñan diversas utilidades: Recoller a palla do nutritivo cereal nun lugar axeitado, complementar o alimento do gando vacún e sin pretendelo dar bonitura a paisaxe do campo galego. Hoxe, case que desaparecidos, alumean o noso esprito espallados polas leiras galegas. A xente de Vaipolorío, observaos nestes 11 anos como estas “construccións vexetais” foron desaparecendo, de feito no val de Tomeza na máis este ano foron feitos dous exemplares.
Este documental realizado pola Sociedade Antropolóxica Galega, a inciativa da Asociación cultural Vaipolorío, recolle paso a paso a construción dunha destas metocas A realización da metoca correu a cargo de José Ramón López Laxe, veciño da parroquia pontevedresa de San Martiño de Salcedo. A parte técnica da produción do documental correu a cargo de João Bieites, Licenciado en Belas Artes, profesor de Plástica, Deseño Técnico e Cultura Audiovisual no Ensino Secundario e membro de S.A.G.A. (Sociedade Antropolóxica Galega).
FICHA ARTÍSTICA:
REALIZACIÓN: João Bieites,
PRODUCIÓN: Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) en colaboración coa asociación Vaipolorío
FICHA TÉCNICA:
PRODUCTORA: Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) en colaboración coa asociación Vaipolorío
TÍTULO ORIXINAL: “Metocas”
TIPO: Documental
XÉNERO: Etnográfico
Produción propia realizada a cor
ANO: 2011
DURACIÓN: 15 minutos aprox.
ORIXE: Galiza
IDIOMA V. O.: Galego
Sociedade Antropolóxica Galega
Segue a Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) nas Redes Sociais.
Blog da Antropoloxia Galega
En Twitter
En Youtube
En Ivoox
En Isuu
Aviso Legal