Sociedade Antropolóxica Galega
Galician Anthropological Society


Campaña SOS ARTE RUPESTRE GALEGO

Logo_SAGA

A Sociedade Antropolóxica Galega forma parte da campaña SOS Arte Rupestre Galego para promover a declaración de Patrimonio da Humanidade para os petroglifos galegos. Esta plataforma foi posta en marcha en setembro de 2016 polo arqueólogo Antonio de la Peña Santos, o historiados e socio da SAGA Buenaventura Aparicio Casado e o antropólogo e membro da SAGA Rafael Quintía Pereira.

En decembro de 2017 unha representación da SAGA formada polos membros da súa directiva Rafael Quintía, Miguel Losada e Miguel Alonso viaxaron ao parlamento europeo en Bruxelas, onde expuxemos as nosas demandas ante os representantes da Comisión Europea e demos a coñecer a iniciativa “SOS Arte Rupestre Galega”, como xeito de denunciar o lamentable estado de abandono que sofre o noso patrimonio cultural e, concretamente, a nosa arte rupestre e para transmitir a necesidade de que a Xunta de Galicia, como organismo competente, inicie xa o proceso para a declaración dos petróglifos galegos como Patrimonio da Humanidade.

 

En canto á iniciativa “SOS ARTE RUPESTRE GALEGA”: PLATAFORMA POLA DECLARACIÓN DE PATRIMONIO DA HUMANIDADE PARA OS PETRÓGLIFOS GALEGOS

O patrimonio arqueolóxico galego ten no conxunto de petróglifos prehistóricos ao aire libre –petróglifos— unha das manifestacións culturais máis importantes e representativas.

As insculturas son BIC (Bens de Interese Cultural) e, en consecuencia, gozan do máximo grado de protección. En teoría o marco normativo –Lei de Patrimonio Histórico Español de 1985, Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural, e Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia— debería ser suficiente para asegurar o seu coidado e preservación. Sen embargo a realidade que nos atopamos é que unha parte considerable dos nosos gravados rupestres corren un grave risco, non só de deterioro, senón de desaparición, diante do incumprimento da normativa por parte da Xunta e de moitos concellos. No tocante á Xunta nin tan sequera ten elaborado un inventario cunha carta de riscos, despreocupándose igualmente da divulgación deste patrimonio, labor que están a facer –con poucos medios e moita vontade- diversos colectivos de afeccionados Este abandono e desleixo pode privar non só ao pobo galego, senón a toda cidadanía en xeral do disfrute dunha das manifestacións artísticas máis valiosas polo seu valor intrínseco de patrimonio cultural da humanidade.

As pinturas e gravados prehistóricos da cornisa cantábrica e máis os da zona levantina gozan deste recoñecemento. O conxunto de gravados rupestres prehistóricos ao aire libre galego —con valor e entidade semellantes— atópase sen esa salvagarda, desprotexido.

A arte rupestre é a materia identitaria que mellor nos define. O repertorio de insculturas xeométricas e figurativas galegas é, sen ningunha dúbida, dos máis representativos de Europa. Esta manifestación cultural atesoura, ademais, un rico patrimonio inmaterial, de xeito que ao redor destes xacementos arqueolóxicos o pobo foi construíndo ao longo do tempo un discurso popular xenuíno que reflicte non só parte da súa cosmovisión senón tamén toda unha valiosa mostra de construción cultural da paisaxe.

Durante as últimas décadas moitas voces se alzaron para denunciar esta situación pero os resultados efectivos desta denuncia non logran callar nas esferas que teñen a potestade de solucionar a situación dunha das nosas formas de expresión cultural máis antigas e senlleiras.

Ante esta alarmante situación o historiador Buenaventura Aparicio Casado, o arqueólogo Antonio de la Peña Santos e o antropólogo Rafael Quintía Pereira deciden crear en setembro do 2016 a plataforma SOS Arte Rupestre Galega co obxectivo de denunciar o lamentable estado deste patrimonio cultural, reivindicar o seu estudo, conservación e posta en valor e motivar á Xunta de Galicia para inicie xa os trámites para que a arte rupestre galega acade a declaración de Patrimonio da Humanidade. Estas reivindicacións concrétanse nun MANIFESTO conxunto.

Para levar a cabo estes obxectivos a plataforma pretende aglutinar vontades de particulares, colectivos, administración e outras entidades que queiran traballar a prol da defensa e promoción do noso patrimonio cultural, neste caso da arte rupestre. E, sobre todo, traballa para obter os apoios necesarios para demandar que a Xunta de Galicia inicie xa os trámites para acadar a súa declaración como Patrimonio da Humanidade, a medida máis eficaz para garantir a súa supervivencia.

Contactos

Sociedade Antropolóxica Galega

Síguenos na Rede

Segue a Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) nas Redes Sociais.

Wordpress  Blog da Antropoloxiagalega

Facebook En Facebook

Twitter  En Twitter

Youtube  En Youtube

 En Ivoox

 En Isuu

Aviso Legal