Sociedade Antropolóxica Galega
Galician Anthropological Society


CULTO LITOLÁTRICO E SINCRETISMO RELIXOSO NO SANTUARIO DA

A tradicional romaría da milagreira Virxe do Nordés, coñecida popularmente como "Virxe de Chamorro" en virtude do topónimo do monte -dos sobranceiros da localidade ferrolá- onde fica seu santuario, é unha celebración coincidente co Luns de Pascua. Conta desde sempre con grande sona en Ferrolterra, constituíndose como un multitudinario punto de encontro para os miles de romeir@s que adoitan acudir ao lugar, ben sexa por interese relixoso, por puro interese cultural ou ben por un simple interese turístico motivado polo seu ambente marcadamente campestre, festeiro, de venda de mercadorías e a privilexiada localización natural que ofrece a ubicación para disfrutar dunha fantástica e ampla vista panorámica que abrangue desde o alto a cidade departamental de Ferrol, os seus redores e as augas da Ría nordeña que bañan este litoral.

Neste vídeo recóllese un exempro tradicional manifesto de panteísmo litolátrico que ten lugar neste santuario. Ritual que se ofrece cun carácter sincrético relixoso-cristián, que tradicional e particularmente se desenrola durante a xornada da romaría pero que resulta tamén factible ao longo do ano naquelas datas de apertura ao público do santuario. 

Este ritual ten desenvolvemento no interior da estrutura arquitectónica do propio templo, dado que a "Pena Santa" mantense no seu propio asento natural pero recollida no interior dunha capela construida ao efecto. O protagonismo deste sacro bolo granítico ven dado polo seu papel destacado segundo conta a lenda existente sobre a aparición da "Virxe do Nordés":

"No monte de Chamorro vivían uns rapaces orfos e probes que tódolos días rezaban á Virxe. Chegada unha cruda tormenta os veciños do lugar, temendo por eles, subiron ao monte para recollelos ao seu coidado no lar. Pero a comitiva chegou velos baixar do monte ao tempo que de súpeto xurden no ceo o arco da vella e o sol lucindo de novo. Os rapaces pedíronlles aos veciños que os acompañaran, levándoos canda unha das grandes penas do alto do monte. Alí amosáronlles nos baixos da pena unha marca coa silueta da Virxe, que apareceu gravada logo de baixar co Neno en brazos desde o Ceo, no medio da tormenta. Contáronlles que a Virxe falou con eles, e mentres, a choiva non lles chegaba mollar gracias á protección do seu fermoso manto. 

Daquela advertíu a veciñanza que nun oco da pena aparecía unha imaxe da Virxe, cal decidiron baixar en procesión co gaio de levantarlle un templo ao pé do monte. Pero ao día seguinte víronse sorprendidos pola desaparición da imaxe da Virxe, iniciándose a sua procura e chegando atopala, finalmente, no mesmo lugar onde o día anterior aparecéraselles aos nenos. Así foi que resolveron levantarlle o seu santuario onde a pena, visto que é o lugar escollido pola Virxe". 

Os devotos asistentes, proceden a gardar cola ao longo da xornada romeira ao tempo que, un a un, mergullan previamente unha man na pía de auga bieta, apostada permanentemente no aceso interior da devandita capela, para, de seguido, achegarse acariñar con ela o meirande e máis marcado cruciforme que destaca gravado na superficie do bolo sacro -ofrecéndose espallados diversos cruciformes gravados, pero de menor tamaño- levando a súa man nun movemento de persigno que adoita realizarse maiormente unha ou tres veces consecutivas (simbolizándose, neste último caso, o número que representa a Sta. Trinidade: "Pai, Fillo e Espírito Santo"), complementándose o remate do ritual, segundo casos e variantes, ben coa realización opcional do mesmo persigno sobre o corpo do propio devoto ben bicando os dedos pulgar e índice, recollidos en forma de cruz, da ceremoniosa man. Segundo a crenza popular, a realización deste ritual na Pena Santa pode acompañarse, ao tempo, dun rogo á propia Virxe que realiza interiormente a persoa practicante; en todo caso este ceremonial, tradicionalmente representa entre o corpus de fieis devotos unha presentación persoal de respeto cara á Santa, complementaria á presenza persoal perante a imaxe da Virxe que preside o altar.

A "Nosa Señora do Nordés" é unha divindade de raigame cristiá que se conforma apotropaica -protectora- ademáis de popularmente milagreira, exercendo tradicionalmente a súa protección sobre toda a contorna ferrolá, tanto ás terras como ás suas xentes, ata onde alcanza a vista, así tamén sobre todos aqueles navegantes que surcan estas augas.

Como nota contextual histórico-simbólica do esceario onde asenta este santuario, indicar que, ata a data da publicación, localizáronse dúas estacións de petróglifos, de tipoloxía xeométrica -círculos concéntricos e coviñas- nas cercanías da ermida, unha delas ao seu pé. Así como a existencia dunha necrópole tumular, rexistrándose tamén, en tempos anteriores, un círculo lítico (henge), xa desaparecido. Nos montes dos cercanos lugares de Vilasánchez e Valón, localízanse dous dos castros do conxunto destas fortificacións castrexas rexistradas patrimonialmente na localidade ferrolá. 
 

CONTIDO MULTIMEDIA:

  

Contactos

Sociedade Antropolóxica Galega

Síguenos na Rede

Segue a Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) nas Redes Sociais.

Wordpress  Blog da Antropoloxiagalega

Facebook En Facebook

Twitter  En Twitter

Youtube  En Youtube

 En Ivoox

 En Isuu

ARQUIVO AUDIOVISUAL

TRABALLO DE CAMPO

ATLAS DO ENTROIDO

Aviso Legal