Sociedade Antropolóxica Galega
Galician Anthropological Society


O CASTRO DE SACEDA: A MICENAS GALAICA

AUTOR DO ARTIGO: RAFAEL QUINTÍA

Posted on 21 Outubro 2013 by asombradebouzapanda

Que Galicia é un país especialmente rico en castros é algo que sabemos todos, e máis que aparecen cada día, basta con botarlle unha ollada ó blog do amigo Xabier Moure para saber, por exemplo, tódolos que están aparecendo polos Ancares. Posiblemente sexámo-lo lugar de Europa con maior número destes asentamentos fortificados.

DSC_0780

Dos perto de 5.000 castros catalogados na nosa terra tan só unha mínima parte foron escavados arqueoloxicamente e destes o número deles postos en valor e acondicionados para a súa visita poden contarse case cos dedos das mans. É o que ten ter tanto patrimonio e tan pouco sentido. Os castros escavados nos últimos tempos —ou as últimas campañas arqueolóxicas en castros— están achegando unha valiosísima información para entende-la importancia que tivo este territorio na Idade do Ferro e, porque non, para romper moitos dos vellos prexuízos e estereotipos ligados a iso que algúns chaman cultura castrexa. Así que non quero nin imaxinar todo o que aprenderiamos da nosa historia se estes xacementos puidesen ser estudados en profundidade, posiblemente cambiaría radicalmente a imaxe que temos do noso pasado e de nós mesmos. Quizais por iso están como están.

DSC_0816

De tódolos castros que atopamos en Galicia tan só un pequeno grupo deles é coñecido polo grande público, son os castros que aparecen nas publicacións turísticas ou nas reportaxes da televisión, cítense: castro do Monte Tegra, castro de Baroña, San Cibrán de Las, castro de Elviña, castro de Cabanas, Castro Landín, castro de Viladonga e pouco máis. O resto deles esmorecen comestos baixo a exuberante vexetación montesía e a neglixencia e desleixe administrativo.

castro saceda

Xa teño falado neste blog e noutras ocasións dalgúns destes castros, como por exemplo o impresionante castro de San Millán. Hoxe falareilles do seu irmán menor pero non por iso menos importante, refírome ó castro de Saceda, non concello ourensá de Cualedro e case bicando o linde co veciño Portugal.

DSC_0763
Habitado ó longo duns sete séculos o castro de Saceda ten as súas orixes nun asentamento erixido no século V a.C. na croa do castro e de cuxos restos non quedou nada debido ós materiais perecedoiros das súas edificacións (madeira, fundamentalmente) ás posteriores obras de ampliación do castro e reorganización urbanística a partir do século IV a.C. e ata o século I d.C., momento no que é abandonado. Un dato interesante que nos achegaron as distintas campañas arqueolóxicas é a constatación de que o castro foi parcialmente reocupado no século V da nosa era, unha época turbulenta e moi pouco coñecida da nosa historia e que coincide coa chegada dos suevos á antiga Gallaecia.

DSC_0790
Outro dato fundamental para coñecer este castro é a súa ausencia de romanización, como así testemuñan os datos arqueolóxicos achegados polas seis campañas de escavacións realizadas neste castro entre os anos 1982 e 1988. As leves influenzas romanas débense ós contactos comerciais típicos da época e non a unha romanización activa do asentamento.

DSC_0761
O castro de Saceda ou cidá de Saceda, como tamén é coñecido, é un fabuloso castro construído sobre un escarpado outeiro que se ergue na penichaira da conca do Támega e baixo a impoñente mirada do deus Larouco que habita nos cumios da serra a que dá nome. A cidá é unha auténtica atalaia natural, perfectamente adaptada á orografía do terreo, estratexicamente situada no centro do convento bracarense da Gallaecia romana, e cun dominio e control visual total sobre a súa contorna.

DSC_0806Vista dos dous recintos amurallados

En canto á estrutura e urbanismo do castro podemos dicir que posúe varias liñas defensivas formadas por un foxo na parte oriental e dúas murallas que rodean o xacemento excepto na parte máis escarpada onde a orografía do terro fai innecesario levantar murallas pois o lugar é inaccesible por esta amba.

DSC_0766 - copiaCuruto rochoso do castro

A porta principal do recinto estaba reforzada por dúas torres defensivas e localízase na parte occidental.

DSC_0795Entrada do segundo recinto

DSC_0802Restos das torres defensivas

En total o castro está formado por tres recintos delimitados polas murallas e as portas destes recintos non se atopan en liña recta, de xeito que se dificultase o acceso ó castro aumentando así as súas posibilidades de defensa.

DSC_0776Entrada do primeiro recinto

DSC_0790Vista das fortificacións e dunha das entradas

O asentamento consta dun primeiro recinto habitacional situado no curuto rochoso do outeiro, e corresponde coa parte máis antiga do castro e coas primeiras construcións que no seu momento foron de madeira. Existen outras dúas zonas de habitación situadas na amba occidental e meridional do castro. As construcións que atopamos son de distinta planta, atopándose cabanas ou edificacións circular, cadradas e rectangulares.

DSC_0760Estruturas de planta rectangular e circular

Pero o castro de Saceda tamén nos achega unha información esencial para entende-lo artellamento social das comunidades galegas da Idade do Ferro. Como ben explica Alfredo González Ruibal no seu artigo “El castro de Saceda y la jerarquización territorial de la Segunda Edad del Hierro en el noroeste ibérico” (Zephyrus: Revista de prehistoria y arqueología, ISSN 0514-7336, Nº 58, 2005 , páxs. 267-284) ó contrario do que se cre noutras zonas da Península Ibérica, os lugares centrais e a xerarquización territorial no norte de Portugal e no noroeste de España (Gallaecia) considérsae tradicionalmente un fenómeno tardío e derivado da conquista romana desta área peninsular. Pero o castro de Saceda cuxo orixe e etapa de esplendor é anterior á romanización, amósasenos coa súa magnitude e monumentalidade como un claro exemplo de lugar central e de xerarquización territorial na Gallaecia prerromana. Velaí outro exemplo de todo o que poderiamos “desaprender” se tivésemos un programa público, sistemático e coordinado de investigación arqueolóxica.

DSC_0777Muralla do segundo recinto

DSC_0791Foxo do castro

Ó final vai ser que o galaicos prerromanos non eran un pobres miserentos, bárbaros e atrasados á espera da chegada dun mal chamado progreso traído polas épicas lexións do Imperio Romano. Mira que si ó final hai que modificar os libros de texto. Non quero nin pensalo…

DSC_0771Muralla ciclópea

Cando un se vai achegando ó castro de Saceda enseguida lle ten un aire familiar, un certo parecido a algo que moitos vimos dende pequenos nos libros de texto, cando os libros de texto tiñan fotos desas xoias do noso pasado que todos os que amamos a historia soñamos con visitar algunha vez.

DSC_0818Castro de Saceda

Así que cando camiñaba cara ás murallas da cidá de Saceda non puiden evitar lémbrame da mítica Micenas, reino Agamenón, cantado heroe homérico da guerra de Troia. Aquela fabulosa acrópole aquea do segundo milenio a.C. situada na península do Peloponeso érguese coas súas murallas ciclópeas no alto dun outeiro como fai a nosa cidá de Saceda. Mágoa dun Homero galego que cantara ás riquezas e o poder do vello castro.

mycenae-mycenaeacropolis_1_400_300Micenas (fonte: http://commons.wikimedia.org)

Así que o visitante que se queren ter un impacto visual parecido ó que puido ter Schliemann cando foi escavar Micenas tan só teñen que achegarse ó concello de Cualedro e botar unha camiñada ata as mesmísimas murallas de Saceda. Non atoparán o Tesouro de Atreo, nin cruzarán a Porta dos Leóns, aínda que algúns dos penedos da muralla faralles ver fabulosas criaturas, en troques poderán visitar un dos castros máis interesantes, potentes e descoñecidos da nos xeografía, e só por iso xa merece a pena.

DSC_0769

  

Contactos

Sociedade Antropolóxica Galega

Síguenos na Rede

Segue a Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) nas Redes Sociais.

Wordpress  Blog da Antropoloxiagalega

Facebook En Facebook

Twitter  En Twitter

Youtube  En Youtube

 En Ivoox

 En Isuu

ARQUIVO AUDIOVISUAL

TRABALLO DE CAMPO

ATLAS DO ENTROIDO

Aviso Legal