Sociedade Antropolóxica Galega
Galician Anthropological Society


“USO SIMBÓLICO DO CUARZO NA CULTURA GALEGA”. Nova monografía da SAGA

DATOS TÉCNICOS:
Autor: Rafael Quintía Pereira
Editorial: Sociedade Antropolóxica Galega
Impresión: branco e negro
Tamaño: 21×15
174  páxinas
I.S.S.N. 2341-0353
PVP: 14€

TEXTO CONTRACAPA:

O antropólogo Rafael Quintía achéganos ao mundo simbólico do uso do seixo en Galicia. Un percorrido diacrónico dende as diferentes formas nas que aparece o seixo no rexistro arqueolóxico galego, centrándonos sobre todo no seu aspecto simbólico e no seu posible uso ritual, ata o mundo da antropoloxía e das aplicacións deste mineral en diferentes contextos da cultura popular galega. Na presente monografía o autor propón hipóteses esclarecedoras coas que poidamos avanzar na senda da interpretación do uso do cuarzo dende épocas antigas e en contextos rituais e simbólicos cronoloxicamente distantes.

PRÓLOGO

Rafael Quintía, senta neste novo traballo os alicerces da investigación dun dos temas mais fascinantes e conspicuos da tradición galega. Tal como xa fixera tamén cun dos seus libros anteriores, o dedicado uso do Alicornio na medicina tradicional galega, editado tamén pola SAGA, Rafa Quintía disponse neste ensaio a evidenciar e dignificar outro dos elementos clave para a comprensión do universo simbólico dos galegos.

O seixo está presente, dende as prodixiosas fonduras dos tempos, non soamente no solar galego como unha substancia abondosa, senón de xeito absolutamente selectivo en todos os hábitats e espazos vitais que as comunidades teñen estruturado ao seu redor. Neste libro o autor percorre e sintetiza o camiño que o ser humano ten escollido para transitar co seixo na man ou na porta da casa; no berce ou na súa sepultura ademais doutros exemplos. Un itinerario, en definitiva, no que este libro amosa, por vez primeira, a transcendencia desta rocha e o contraste co perfil baixo que actualmente ocupa no mundo dos estudos tradicionais.

Operando de novo a súa taumaturxia, Rafa Quintía pon de manifesto o rol do seixo en Galicia como catalizador do mundo das crenzas e indutor da orde nos espazos intrinsecamente simbólicos das sociedades tradicionais.

Así, se a enfermidade e un desorde cómpre a acción restauradora de algo que condensa en si mesmo a idea de estruturación, firmeza, persistencia ou perfección.
Hai sociedades que entenden que os entes poden ter varias almas. Nesta nova Monografía da Sociedade Antropolóxica Galega, Rafa Quintía presenta a súa viaxe de milleiros de quilómetros pola xeografía galega e mais aló, na procura e rescate dunha das almas esquecidas da cultura galega, unha feita de seixo, co gallo de que poida seguir aportando estrutura e significado ao noso presente. Como sempre fixo.

Miguel Losada

Secretario da SAGA 

Contactos

Sociedade Antropolóxica Galega

Síguenos na Rede

Segue a Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) nas Redes Sociais.

Wordpress   Blog da Antropoloxia Galega

Wordpress En Facebook

Twitter   En Twitter

Youtube   En Youtube

 En Ivoox

 En Isuu

Aviso Legal