Sociedade Antropolóxica Galega
Galician Anthropological Society


OS BUCHES: UNHA MÁSCARA “GALEGA” NO CARNAVAL DE LANZAROTE

OS BUCHES:UNHA MÁSCARA “GALEGA” NO CARNAVAL DE LANZAROTE?

Por Rafael Quintía Pereira

É de sobra coñecido o carnaval de Tenerife que, cos seus desfiles e traxes de fantasía, pouco ten que ver co noso Entroido tradicional galego, onde o simbólico non sucumbiu á forza da estética. Pero nas Illas Canarias existen outros carnavais menos coñecidos. Unhas festas onde saen algunhas peculiares personaxes que semellan sacadas do Entroido galego e, quen sabe, se non é así certamente.

 

Os Diabletes de Teguise

(Fonte: http://www.teguise.es)

No verán de 2013 visitei a marabillosa illa de Lanzarote. Alí tiven a sorte de toparme coa personaxe enmascarada da que vou falar neste artigo. Refírome aos Buches.

O encontro fortuíto con esta máscara aconteceu no Museo Etnográfico Tanit (http://www.museotanit.com/), situado na vila de San Bartolomé e moi perto do interesante xacemento arqueolóxico de Zonzama. Pois ben, visitando este recomendable museo privado descubrín, ademais da figura dos Diabletes de Teguise, un traxe de carnaval propio dos mariñeiros de Lanzarote. Esta máscara que me atrevo a chamar de Entroido, sae nas datas do carnaval lanzaroteño e se caracteriza por levar nas man o que semellas vinchas infladas coas que fan ruído e golpean a todo aquel co que se topan, de aí o seu nome: Los Buches. O traxe que, como verán ten un aire moi familiar, consta dos seguintes elementos:

  • Máscara de rede cunha faciana pintada na que destaca o seu bigote revirichado

  • Gorro adobiado de longas fitas de colores

  • Pano atado no pescozo

  • Camisa e pantalón brancos

  • Chaleque azul

  • Faixa

  • Polainas negras

  • Luvas brancas

  • E como arma vinchas de peixe inflados e previamente secados ao sol

    Non sei se a estas alturas xa se decatan de por onde vou, pero o primeiro que se me viu á mente cando vin este traxe de Buche foi o traxe das Pantallas de Xinzo de Limia. As similitudes entre ambos os dous traxes son abraiantes e se non vexan a descrición do traxe de Pantalla:

     

  • Máscara de rostro bigotudo

  • Longas fitas de colores

  • Pano atado ao pescozo

  • Camisa e pantalón brancos

  • Faixa

  • Cinto con campaíñas

  • Polainas negras

  • Luvas brancas

  • E como elemento punitivo e sonoro, vinchas de vaca infladas e curtidas.


Traxe de Buche


Traxe de Pantalla

Tendo en conta que a cultura canaria é froito da mestura da cultura autóctona coas achegas dos conquistadores e colonos peninsulares, entre os que se atopaban non só casteláns senón tamén galegos e portugueses, e tendo en conta as similitudes estéticas entre a figura do Buche do carnaval de Lanzarote e a da Pantalla do Entroido galego podemos barallar a hipótese dunha influenza ou achega dalgúns trazos do Entroido galego no carnaval lanzaroteño. O feito de que esta peculiar personaxe do carnaval de Lanzarote sexa un mariñeiro, sendo os galegos un pobo mariñeiro por excelencia, podería evocar quizais a eses contactos culturais entre galegos e lanzaroteños. Quen sabe se mariñeiros galegos levaron a Lanzarote algúns aspectos do Entroido ou quizais mariñeiros canarios coñeceron en terras galegas o noso Entroido, ou outros simiraes dos tantos que temos na Península. Sexa como fose, as similitudes están aí.

É salientable o feito de que en Lanzarote o carnaval sexa unha festa eminentemente mariñeira, aínda que tamén se celebra no interior da illa e coas súas correspondentes particularidades. As coplas populares fan referencia a esta orixe mariñeira do carnaval:

“Desde que llega febrero,

los marinos van llegando

y para los carnavales,

los buches se van inflando”,

De igual xeito que acontecía cos mariñeiros de Bouzas (Vigo) e o seu satírico traxe de Merdeiro ou Escabicheiro, o traxe que usaban os mariñeiros lanzaroteños no seu carnaval —Buches— correspondía ás roupas da vestimenta típica do campesiño: polainas, chaleque, faixa, roupas brancas, ás que lles engadían luvas brancas, fitas de colores, a carouta con bigotes e as famosas vinchas de peixe infladas: os buches.


Buches

 


Vinchas de Pantallaz

Non están moi claros as orixes desta festa e destas máscaras, de aí que se me permita a ousadía de relacionalas co Entroido galego, sobre todo polo significativo uso de vinchas infladas. O que si sabemos é que no 1890 o antropólogo René Verneau deixa constancia por escrito desta tradición do carnaval mariñeiro de Lanzarote:

“Durante el Carnaval, las calles de Arrecife presentan una animación que no hubiese sospechado viendo el silencio de muerte que allí reinaba unas semanas antes. Durante todo el día circulan grupos de mujeres y hombres disfrazados. El vestuario que se usa en estas mascaradas es el de los campesinos, que ya solamente llevan unos pocos viejos. Una careta de cartón completa el atavío. Los que no pueden permitirse el lujo de este disfraz se limitan, como hizo mi criado, a ponerse un pañuelo sobre el hombro o a llevar el cinturón al pecho. A la cabeza de cada grupo va gente de ambos sexos tocando la guitarra y cantando. El resto los acompañan provistos de unas vejigas de pescado enormes, con las que golpean a todos aquellos que encuentren. A cada momento entran en las casas y se ponen a bailar hasta que se les haya servido un vaso de vino o de aguardiente. Desgraciado de aquel que rehúse aceptar esta costumbre. Enseguida asaltaran su casa (…)”.


Traxe de Merdeiro

Outras personaxes fascinantes do carnaval lanzaroteño son A Burrita de San Bartolomé e os Diabletes de Teguise. O Diabletes de Teguise están considerados unha das tradicións máis antigas de Canarias. Segundo as interpretacións locais, a súa orixe esta na representación da loita entre o ben e o mal nas festas do Corpus. Cómpre lembrar e relacionar o que acontece e acontecía no noso Corpus, onde as figuras de dragóns — Cocas— e choqueiros eran habituais. No caso do Corpus de Pontevedra, no século XVIII, ademais da devandita Coca, tamén acompañaba á procesión o Centulo, sorte de demo e choqueiro que escorrentaba os nenos coa súa terrorífica carouta, o seu son de chocas e a súa diabólica gancha. Pero retomemos a descrición dos Diabletes de Teguise.

 

Portan estes diaños carouta de castrón tocado de longos cornos, visten traxe pintado con rombos e puntos vermellos e negros, calzan alpargata e sobre os ombreiros levan correas con campaíñas. Como se dun Centulo se tratase, os Diabletes asustan os nenos correndo detrás deles ao son das ruidosas campaíñas e armados dun pau —denominado “garabato”— do que colga un zurrón cheo de papel, terra e trapos. Chocas e látego —zamarra—son os atributos tamén dos nosos peliqueiros e cigarróns, entre outros.

En canto á Burrita, na vila de San Bartolomé, durante o carnaval, era costume pasear un moneco dunha burra. Unha tradición moi similar ao que se fai coa Mula de Viana do Bolo ou ao que se fai coas representacións doutros animais como poden ser a Morena de Trives (unha vaca).


Mula de Viana do Bolo

Sexa por contacto ou influenza galega —ou doutros pobos do norte peninsular onde hai entroidos similares— ou sexa por un proceso endóxeno da propia cultura mestiza lanzaroteña, o feito de que abrolle nas Canarias unha máscara de carnaval tan semellante ás nosas Pantallas non deixa de ser algo fascinante…ben da súa propia construción cultural, ben dos contactos culturais entre pobos.


Traxe de Diablete de Teguise

Los Buches

(Fonte: http://www.ocholeguas.com)

Pantalla de Xinzo de Limia.

(Foto de Pedro G. Losada)

Contactos

Sociedade Antropolóxica Galega

Síguenos na Rede

Segue a Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) nas Redes Sociais.

Wordpress   Blog da Antropoloxia Galega

Wordpress En Facebook

Twitter   En Twitter

Youtube   En Youtube

 En Ivoox

 En Isuu

Aviso Legal