Sociedade Antropolóxica Galega
Galician Anthropological Society


PEDRAFITA "MARCO DO SEIXO (OU DE TORRES)"

A pedrafita "Marco do Seixo" establécese nun cruce de camiños, a carón do cambio de vertente do Monte Grande -que conta cunha pequena necrópole tumular- (Vilarmaior), constituíndose como punto liminal das freguesías de San Fiz de Monfero, San Xurxo de Torres e Santiago de Vilamateo (Vilarmaior), ao tempo que entre ámbolos dous devanditos concellos coruñeses de Monfero (Terras do Eume) e Vilarmaior (Terra das Mariñas).

Esta "pedra chantada" de granito, de tipoloxía fálica, ofrécese con diversas marcas/gravados:

-Banda norde (abondosos musgo e líquenes), pequenas marcas da tipoloxía "coviñas".
-Banda leste , un M aliñado riba dun F, que posiblemente indiquen límite do couto de MonFero.
-Banda sul, varios cruciformes aliñados verticalmente.
-Banda oeste, sen amosar gravados.

Este monolito representa o eixo protagonista e catalizador dun ritual contra do Meigallo e o Mal de Ollo, tanto nas persoas como nos animais. Enfermidades tradicionais "non de médico" que se ven, deste xeito, erradicadas no punto de unión das tres freguesías. 

A este respeto, o experto en megalitismo, Ramón Boga Moscoso, recolleu etnografía sobre desta pedrafita. informando do seguinte na publicación respectiva do seu blogue: 

"(...) Contoume, xaquelogo, que os veciños da bisbarra utilizaban o Marco para curar diversas enfermidades tradicionais, tanto para o gando como para as persoas. O proceso era o seguinte: había que dar nove voltas ao Marco para espantar calquera mal ou meigallo. En cada volta tamén había que tirar unha moeda de costas á pedrafita. Tamén se tiraban, sempre para atrás, pedras de seixo ou de cuarzo. Si alguien collía as moedas, o meigallo ou a enfermidade podíase volver contra el. Dicir que, aínda así, os cartos sempre desaparecían.

Pero hai máis: Julia conta que nin hai trinta anos aparecían ao redor do Marco moitas follas de diversas árbores que estaban traspasadas por afinetes e/ou agullas, moitas veces dobladas. Sen dúbida eras conxuros de diverso tipo.

Para as enfermidades do gando, por exemplo, si tiñas unha vaca enferma, debías levar un pucheiro con leite de catro tetos e calquera que pasara por alí tíñao que romper para que o rito curativo dira o resultado apetecido.

Tamén se deixaban frascos que contiñan azufre, posiblemente un prodixioso remedio contra o mal de ollo ou contra outras moitas enfermidades humáns ou animais de carácter tradicional.

Era normal que a xente que ía co gando cara a calquera das feiras, procedese a dar as devanditas nove voltas ao redor da pedrafita coa intención de influir na sorte á hora dos intercambios feirais"*

Na freguesía de San Xurxo de Torres recolleuse que a ubicación actual do "Marco do Seixo" non se corresponde exactamente coa localización anterior ás obras de asfaltado do camiño que une o lugar de Torres (Vilarmaior) e o lugar de O Seixo (Monfero). Varios membros entrevistados da veciñanza contan que "o marco chantouse varios metros atrás", e que "antes víase máis alto, e estaba na caída do monte".




Como nota final, indicar que na freguesía de San Fiz localízase o Mosteiro de Monfero, anexo á igrexa de Sta. María de Monfero (advocación coñecida popularmente como "A Virxe da Cela", que conta cunha romaría tradicional, a celebrar o primeiro domingo do mes de xullo). 

CONTIDO MULTIMEDIA:

  

Contactos

Sociedade Antropolóxica Galega

Síguenos na Rede

Segue a Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) nas Redes Sociais.

Wordpress  Blog da Antropoloxiagalega

Facebook En Facebook

Twitter  En Twitter

Youtube  En Youtube

 En Ivoox

 En Isuu

ARQUIVO AUDIOVISUAL

TRABALLO DE CAMPO

ATLAS DO ENTROIDO

Aviso Legal