Sociedade Antropolóxica Galega
Galician Anthropological Society


A Pedra da Serpe

A “Pedra da Serpe”é un monumento lítico único de orixe descoñecida e datación aínda incerta, ubicado en Gondomil (Corme Aldea, freguesía de Santo Adrán), concello de Ponteceso (Costa da Morte-A Coruña). Documentado polo arqueólogo B. Sivelo en “Antigüedades de Galicia” (1.875) sempre espertou a curiosidade dos historiadores.

Conta a lenda que unha vez chegado Sto. Adrán librou a esta terra da praga das serpes ao petar fortemente co pé no chan, e facelas desaparecer todas ficando encantadas baixo este penedo. Disque na praia próxima da Ermida aínda se ven, entre a area, os tocos das árbores da antiga e rica vila de Valverde, queimada polos romanos para escorrentar as serpes.

A “Pedra da Serpe” é un penedo granítico ubicado nun cruce de camiños, que amosa diversas manufacturas de interese: pías, coviñas, e a talla dunha serpe alada na que se distingue perfectamente a cabeza, dúas ás e unha cola rematada en punta. A Cruz latina chantada actual substitúe á anterior, derrubada froito dun accidente. Esta serpe alada representa una talla excepcional no mundo occidental e acrecenta a presencia do culto ofídico en Galicia, localizado en diversos vestixios como os castros, petróglifos e antas. Este monumento representa un exempro máis da superposición da simboloxía cristiá nun lugar de posible culto pagano anterior.

A simboloxía da Serpe resulta variada e descoñecida en moitos casos, anque se relaciona coa Fecundidade, como Gardadora de Tesouros, como símbolo de Curación e Eternidade, como nexo de unión do Mundo Terrenal e o Alén, e como elemento Demoníaco. A serpe alada é un ser que está rodeado polo mito e a lenda, Vicente Risco ten recollido testemuñas de xente que asegura ter visto cóbregas voando. 

A informante, natural e veciña de Corme, de 63 anos de edade, que acompañou cara á “Pedra da Serpe”, procedeu a persinarse 3 veces unha vez chegados cabo dela. “Teño costume de facelo cando paso diante do cruceiro. Paro e fago a Cruz”.

CONTIDO MULTIMEDIA:

Contactos

Sociedade Antropolóxica Galega

Síguenos na Rede

Segue a Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) nas Redes Sociais.

Wordpress   Blog da Antropoloxia Galega

Wordpress En Facebook

Twitter   En Twitter

Youtube   En Youtube

 En Ivoox

 En Isuu

Aviso Legal