Sociedade Antropolóxica Galega
Galician Anthropological Society


Unha viaxe ó pais dos vetóns

Unha viaxe ó pais dos vetóns

 

É común que a bibliografía se refira á Céltica, ou célticas peninsulares, como unha unidade de estudo para moitos temas. Dentro delas unha das máis conspicuas é a Vetónia, o pais dos Vetóns. No pasado mes de xuño unha parte do equipo da SAGA desprazouse a terras e Ávila para coñecer in situ parte deste universo cultural da Celtiberia, foi unha viaxe ó país dos Vetóns.

CASTRO DE LAS COGOTAS Copiar

Os vetóns ocuparon un grande territorio no centro do oeste da Península entre o Douro e o Texo, principalmente. Foron veciños, cara o norte e o oeste, de Lusitanos, Astures e Vacceos aínda que deberon ter relación tamén con outros, coma os Galaicos.

CASTRO DE ULACA Copiar

Culturalmente o seu desenvolvemento corresponde co período denominado “Cogotas II” de hai uns 2.500 anos. Existiu anteriormente un “intre” cultural e arqueolóxico, denominado “Cogotas I”, que afondaría as súas raigañas na Idade do Bronce e que, como resposta ó novo contexto da segunda metade daquel milenio, tería desenvolvido unha sociedade castrexa, tan militar e aristocrática como agropecuaria e labrega. Unha sociedade acumuladora de riquezas e produtos, diversificada, e instalada en pé, sobre a súa propia terra, no centro dunha ampla rede de intercambios económicos, mercantís, e simbólicos.

DSC 5996 - copia 2 Copiar

En Ávila, no museo da Torre de los Guzmanes, contemplamos a exposición que glosa o seu mundo da Idade do Ferro. O percorrido por ela é moi recomendable, ademais de pola boa calidade da didáctica dos contidos, pola posibilidade de aproximármonos á un mundo tan semellante daquel que deu orixe ó noso paradigma cultural e facelo cunha ollada limpa dos prexuízos que adoitan atolda-lo panorama da historiografía galega.

PORTA CASTROD E LAS COGOTAS Copiar

En efecto, nesta mostra do museo abulense fálase sen complexos de xerarquías militares e nobiliarias, de clans, familiares e de castros co granito como material base, sen esquecérmonos dos apeiros, ferramentas, recipientes e armas metálicas. Unha sociedade “ …piramidal cunha elite no cimo, que tiña cabalos e armas de luxo fronte a un grupo de guerreiros máis amplo que posuía un armamento máis modesto. Por baixo estarían artesáns e comerciantes. Finalmente estaba a masa da poboación (campesiños e individuos máis humildes, quizais servos e escravos), con enxovais pobres e distintos grados de riqueza.” Segundo a tradución dun dos paneis da exposición.

Asistimos pois á lembranza dunha sociedade plena, cunha estrutura ideolóxica ben desenvolvida e segmentada. Unhas comunidades nas que a relixión e a relación co transcendente fican ben recoñecible na presenza de santuarios como o do colosal Castro de Ulaca que tamén visitamos, ou os abraiantes “Verracos”, figuras de vulto redondo feitos en granito cunha finalidade emblemática, tal e como no noso contexto galaico puideron te-las cabezas de xabaril, como a do castro de Mallou, Carnota, e outras.

SANTUARIOD E ULACA Copiar

O santuario de Ulaca, polas súas similitudes arquitectónicas con algúns dos posibles altares atopados no territorio da antiga Gallaecia e por pertencer a un contexto histórico e cultural similar ou vinculado ó noso, é un dos lugares que máis interese amosa para os noso traballos no eido da relixiosidade e das xeografías hierofánicas. O chamado “altar” rupestre de Ulaca é un conxunto ritual e simbólico feito na rocha que se atopa no interior do Castro. Actualmente está constituído pola pegada deixada sobre o granito, dos tres espazos principais do que debeu ser un recinto sacro ou de especial significado cultural. Consta de dúas liñas diferentes de chanzos orientados cara o sur e cara U oeste. A primeira delas ten nove chanzos. A segunda ten seis.

No cimo destas estruturas existen dúas pías, feitas tamén na rocha, que resultan plenamente coherentes dentro dun contexto de ofrecemento de sacrificios de vítimas propiciatorias tal e como está moi ben documentado no so no contexto cultural europeo, mais tamén noutros. Compre lembrar que mesmo hoxe en día e dentro dun paradigma tan diferente coma poida ser o cristianismo, a idea de sacrificio ritual é unha idea viva. De feito, cada domingo, Cristo resulta “sacrificado” no seu avatar de “año de Deus” ou Agnus Dei.

As vítimas eran inmoladas ou ofrecidas, probablemente en función do seu tamaño e mobilidade, no cimo da estrutura. O seu sangue, como en tantas culturas e tradicións, era ofrecido ás divindades co gallo de favorecer as condicións para a vida da comunidade. Outro exemplo pode ser o da inscrición votiva doutro santuario semellante como é o de Panoias, Portugal, no que nunhas inscricións feitas nas rochas doutro santuario semellante, descríbese o protocolo de actuación do que debeu ser unha actividade relixiosa preexistente respecto destes textos en latín e grego.

Tamén noutra inscrición lusitana, a de Cabeço das fraguas, Portugal, faise referencia ó sacrificio de diferentes animais esta vez na honra dos deuses célticos.

Na banda leste do de Ulaca existiu un templo con dúas estancias. Dotado de teito, semella ter sido escenario da parte mais sacra e exclusiva dos ritos. Os dous espazos remiten cara a idea de dúas “intensidades” de aproximación á hierofanía propia do lugar.

SAUNA DE ULACA Copiar

Despois do que poderiamos sintetizar como o ciclo do sangue, está o ciclo da auga. Do mesmo xeito, tamén, que noutras tradicións. Debeu haber en todos estes espazos rituais unha fonte inmediata de abastecemento de auga. No caso de Ulaca semella ter estado constituída por un depósito, hoxe desaparecido, que segundo algúns autores puidera ter estado xusto pola parte de atrás do altar, xa que neste lugar fica inda o que pode ser a súa pegada no chan baixo a forma dunha depresión do terreo con dimensións regulares e compatibles cas dun depósito pétreo ou doutra natureza. As ablucións rituais eran unha parte transcendental dos oficios da liturxia tal como amosan varios exemplos documentados. (MENENDEZ FDZ. M et Alii. Pp. 355-ss. 2013)[1]. É neste contexto no que compre entende-la existencia neste oppidum de Ulaca

No castro de Ulaca existe tamén unha interesante —e infrecuente na Celtiberia— sauna castrexa na máis clara liña das atopadas nos castros galaicos, o que volve a incidir nun contexto relixioso, cultural e mesmo social similar ó noso.

En canto ós verracos, estes representados poden ter tamaños moi variables. Son touros ou xabarís entre os que destaca o conxunto dos “Toros de Guisando”. Dáse a circunstancia de que no 1468 a que despois chegaría a ser a raíña Isabel la católica houbo de reforza-la súa lexitimidade real neste xa daquela antiquísimo lugar, liminar e marxeante de distintas zonas e comunidades. Un claro e patente exemplo de perduración dos atributos simbólicos predicables dun lugar, en función dunha mesma percepción das súas calidades transcendentes por parte de sociedades diferentes que reciclan un pasado común.

Outro dos principais elementos de reflexión é o da existencia de dúas das mellores necrópoles da península ibérica. (Sic.)

Os camposantos de Las Cogotas, con 1.613 tombas dispostos en catro sectores e La Osera, do Castro da Mesa Miranda, con 2.230 tombas, divididas en 6 sectores e máis de 5.000 pezas recuperadas. Segundo os paneis da exposición é moi posible que cada zona corresponda con cada unha dos clans e liñaxes que poboaban cada castro. Algunha das tombas máis ricas estaban rematadas cun túmulo de terra ou pedras e mesmo con pedras altas, pedras longas postas en pé. Noutros moitos casos as sepulturas que incluían armas foron dispostas nas fendas das rochas dos camposantos.

Altares con chanzos e pías, saunas castrexas, pedrafitas e estelas vinculadas a túmulos, espadas nas fendas das rochas...non lles resulta familiar este mundo simbólico? Permanezan atentos ó traballo da SAGA.

 


[1] Prehistoria reciente de la península ibérica. Menéndez Fdz. Et alii. ed.UNED 2013

  

Contactos

Sociedade Antropolóxica Galega

Síguenos na Rede

Segue a Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) nas Redes Sociais.

Wordpress  Blog da Antropoloxiagalega

Facebook En Facebook

Twitter  En Twitter

Youtube  En Youtube

 En Ivoox

 En Isuu

ARQUIVO AUDIOVISUAL

TRABALLO DE CAMPO

ATLAS DO ENTROIDO

Aviso Legal